Actualizada a las
23.25 horas

 

  CULTURA-SOCIEDAD

 
 

Sábado 17 de Febrero de 2001
























   
 
 
O próximo día 20 podería ser inaugurada a sede da Fundación Torrente Ballester en Compostela
 
Os traballos de acondicionamento da futura sede da Fundación Torrente Ballester en Compostela están a piques de concluír e barállase a data do próximo día 20 como probable para a súa inauguración. Serán tres plantas cunha biblioteca de 15.000 volumes.
 

      O mutismo das institucións implicadas no padroado da Fundación Gonzalo Torrente Ballester —Consorcio, Xunta, Concello e Universidade de Santiago— é absoluto á hora de facilitar algún dato sobre a súa nova sede. A causa podería se-la inminente apertura da fundación, que os operarios que ultiman a decoración do edificio formulaban «para o vindeiro martes, día 20», pero deixando a un lado cábalas sobre a súa inauguración, a relevancia e magnitude deste proxecto merece ser posto en coñecemento dos composteláns e dos amantes do mundo da cultura.

      O edificio, no que nestes momentos se ultima a decoración e a dotación de mobiliario, foi construído en 1891 polo mestre de obras Manuel Pereiro Caeiro, e nas últimas décadas foi sede da Sección Feminina do Movemento e da delegación de Facenda, ocupación esta última que implicou unha profunda reforma a principios dos anos 80. Agora pasará a ser tomado pola cultura, «para difundir e estudia-la obra do meu pai e a literatura galega e española en xeral», aseguraba Javier Torrente, fillo do inmortal intelectual ferrolán e membro do padroado da nova fundación.

      Un dos principais problemas ós que tiveron que facer fronte os arquitectos autores do proxecto de obras de adaptación, Pablo Tomé Ferreiro e Cristina Ezcurra da Iglesia, foi a falta de iluminación do inmoble, que solucionaron introducindo «un patio cadrado que atravesa o edificio, elemento que non só lle dá luz e vida ó interior, senón que comunica visual e psicoloxicamente as diferentes estancias». Sen embargo, as mesmas fontes confirman que «a biblioteca, que albergará 15.000 volumes, e as súas zonas anexas para a investigación son os espacios fundamentais da fundación, que se organizará aredor da planta primeira e segunda».

      Na planta baixa, os técnicos prevén situar unha gran sala de exposicións que se poderá subdividir para formar un pequeno salón de actos para 50 ou 100 persoas, dependendo das necesidades.

      O terceiro piso do edificio e a parte dianteira do segundo acollerán os espacios institucionais do padroado da flamante fundación literaria.

      Ademais, renovouse todo o pavimento do inmoble, utilizando pedra de gran gris escuro na planta baixa e nos aseos, mentres que no resto do inmoble se disporá tarima flotante de carballo. Tamén se colocarán falsos teitos no salón de actos da planta baixa, nos aseos e no baixo-cuberta.

      Igualmente, acometéronse diversas obras de cara a levantar novos núcleos de aseos, e serán os da planta baixa os máis amplos, por estaren especialmente acondicionados para uso de minusválidos. A calefacción e o sistema de aire acondicionado tamén sufriron novas e modernas reformas, co fin de asegura-lo confort dos empregados e estudiosos durante todo o ano.

      A Fundación Gonzalo Torrente Ballester ten como fin prioritario a conservación, investigación e difusión da obra do seu fundador, o inmortal escritor ferrolán, autor da novela Los gozos y las sombras, entre moitas outras. Desta forma, os arquitectos implicados na obra cualifican o espacio dedicado á biblioteca e á investigación como o verdadeiro «miolo do edificio».

      A superficie total do inmoble da rúa do Vilar será de 953 metros cadrados útiles, mentres que a superficie construída do edificio supera xa os 1.330 metros cadrados.

SANTIAGO
Redacción




Ante cualquier duda, comentario o problema en las páginas de El Correo - O Correo envíe un e-mail a info@elcorreogallego.es

© 2000 El Correo Gallego. Todos los derechos reservados. Prohibida la reproducción total o parcial del contenido sin la expresa autorización del propietario.